O material que vos presentamos a continuación nace dun grupo heteroxéneo de profesionais (especialistas en Audición e Linguaxe, Pedagoxía Terapéutica, titor@s, etc.) que comparten un obxectivo común: crear un banco de recursos de lectoescritura diferente, completo e sobre todo, motivador. 

En base a anos de experiencia nas aulas, detectamos que moitos dos problemas de lectoescritura radican nunha mala conciencia fonolóxica, de aí que nesta proposta prestemos especial atención ao desenvolvemento da mesma na etapa de infantil e primaria.

A maioría de nós traballamos cun alumnado moi diverso con dificultades relacionadas coa lectoescritura e moitos del@s diagnosticad@s de dislexia.

Tendo en conta que a lingua galega e a castelá son linguas moi transparentes, consideramos que cunha estimulación da conciencia fonolóxica dende idades temperás asentaremos as bases para o desenvolvemento dunha competencia lectoescritora óptima e axudaremos a previr dificultades neste ámbito. 

Partimos dunha representación visual, auditiva e cinestésica para cada fonema, de tal forma que ofrecemos diferentes entradas de información que axudan a consolidar o proceso lectoescritor dende un enfoque lúdico e atractivo para o alumnado. 

Aínda que a proposta ten unha raíz fonolóxica, as actividades e posibilidades didácticas do mesmo engloban a aprendizaxe da lectura tanto pola ruta fonolóxica como pola ruta léxica ou visual (recoñecemento global de palabras). Consideramos moi importante asegurar un uso eficaz de ambas rutas para o logro dunha lectoescritura eficiente.    

A QUEN VAI DIRIXIDO?QUE TRABALLAMOS?QUE RECURSOS ATOPAMOS?
   
  • Fundamentalmente ao alumnado da etapa de educación infantil e primeiros niveis de educación primaria como estimulación da linguaxe oral e un primeiro achegamento á lectoescritura. 
  • Tamén está enfocado como reforzo e intervención para aquel alumnado que amose dificultades neste ámbito. 

Partimos como motivación inicial do cómic “Ilusiona-t no parque de atraccións”. Escollimos un parque de atraccións por consideralo un espazo que pode captar a atención do noso alumnado e pode resultarlles atractivo. 

Neste cómic aparecen 5 personaxes principais, que representan a cada unha das vogais e irán percorrendo o parque pasando por distintos escenarios onde aparecerán os fonemas. 

  • Con Oliva, descubriremos os fonemas /m/, /p/,/l/, /t/ e /s/ na tenda de chuches.
  • Con Uxío atoparemos os fonemas /k/, /ll/, /d/ e /n/ na casa do terror.
  • Con Estela iremos a unha actuación musical na que aparecerán os seguintes fonemas: /f/, /h/ e /g/.
  • Con Icía, o seu curmán e a súa curmá percorremos as atraccións do parque e veremos os foguetes artificiais traballando os fonemas /ch/, /ñ/, /r/ e /z/.
  • Por último, con Antón viaxaremos en barco e aprenderemos os fonemas /rr/, /b/, /v/ e /x/.

Cada un dos fonemas vai asociado a unha representación visual e un xesto que parte do momento do conto no que aparecen. 

Os recursos están distribuídos da seguinte maneira:

Materiais:

  • Cómic e personaxes
  • Fonemas e vídeos
  • Actividades:
  • Aspectos previos e conciencia fonolóxica:
    • Percepción visual e auditiva.
    • Orientación temporal.
    • Orientación espacial.
    • Atención e memoria.
    • Psicomotricidade fina.
    • Grafomotricidade.
    • Praxias.
    • Conciencia fonolóxica.
  • Lectoescritura. Dentro desta carpeta haberá actividades para traballar de xeito específico a lectura e a escritura.

Materiais complementarios:

  • Actividades de robótica.
  • Normas ortográficas.
  • Fichas variadas.

Todas as actividades preséntanse de forma lúdica, con ilustracións moi atractivas. A súa presentación é variada: mediante fichas, taboleiros de xogo, actividades de robótica, propostas orais, …  fáciles de descargar, imprimir e utilizar. Están pensadas para realizar tanto de forma individual como en dinámicas e estructuras de aprendizaxe cooperativa. 

O desexo de tod@s os integrantes de Ilusiona-T é que todos os materiais e propostas que elaboremos, se convirtan nun recurso ACCESIBLE, ÚTIL, PRÁCTICO, SENSIBLE E RESPECTUOSO COA DIVERSIDADE PRESENTE NAS NOSAS AULAS.

Gustaríanos destacar que este banco de recursos e actividades é complementario e compatible con calquera método global, fonético ou mixto e que en todas as actividades que propoñemos reforzamos ámbitos imprecindibles para un lector e escritor competente. A idea é que todo o material sexa un reforzo de aula, tanto da ordinaria como da de apoio, na que o profesorado atope ideas, materiais, actividades e recursos motivadores e funcionais.